sábado, setembro 30, 2006

A liberdade nas diferentes correntes ideolóxicas ao longo da historia

Somos realmente ceibes? Velaquí unha das cuestións máis debatidas ao longo dos anos. A liberdade sempre foi un factor clave para a clasificación e caracterización das diferentes correntes ideolóxicas, filosóficas, políticas... Neste breve ensaio será analizado o grao de liberdade concebido dentro das diferentes ideoloxías políticas, debido á importancia destas na configuración das diversas sociedades ao longo da historia.
Evidentemente, esta temática adquiriu especial importancia a partires da Revolución Francesa, cando a liberdade pasa a ser valorada como unha das características básicas para a conservación da dignidade do ser humano. Polo tanto, cómpre destacar a análise das ideoloxías postrevolucionarias, nas cales a liberdade é un punto fundamental para poder valoralas. Isto é así porque a Revolución de 1789 non só marcou o posterior devir da historia, senón que tamén foi clave para o nacemento das ideoloxías dos séculos posteriores.
Antes de comezar a analizar as diferentes tendencias, cómpre facer unhas reflexións xerais sobre a liberdade no ser humano, sen ningún tipo de vinculación política. A resposta á pregunta que abre este ensaio non é clara, e, segundo a quen se lle pregunte, pode ser afirmativa ou negativa.
Alguén poderá argumentar que si somos ceibes, posto que calquera persoa pode facer calquera tipo de acción nun momento determinado sen que nada llo poida impedir. Así, por exemplo, se me quero pór a correr, nada poderá impedir que o faga. Isto aproxímase máis á realidade no estado natureza, no cal non existen posibilidades de represión institucionalizada aos homes polas accións ou actividades que estes leven a cabo. Nembargantes, nunha sociedade coma a actual, pode que esa liberdade non fose tan real por causa da represión antes nomeada. Así, nun primeiro intre a liberdade segue a estar intacta, mais, se ese primeiro uso da liberdade provoca a represión por parte do sistema no cal está inmersa a sociedade, esa liberdade desaparecerá para posteriores ocasións. Un claro exemplo disto poderiamos velo nun asasino, que é, nun primeiro intre, ceibe para cometer un asasinato, mais despois non poderá cometer outro se é xulgado e encadeado. Así, nas sociedades actuais, os factores represores que limitan a liberdade serán diversos, tales como as leis, os xuices, as forzas e corpos de seguridade ou, en moitos casos, a influencia das persoas ou colectivos que conforman a propia sociedade.
Pese a todo o dito anteriormente, outro suxeito podería argumentar que non somos realmente ceibes, pois o home non sempre pode levar a cabo aquelas accións que lle satisfagan. A limitación máis evidente é a física, e un claro exemplo é que calquera persoa, por moito que se esforce e o desexe, nunca poderá voar. Dende outra perspectiva podería afirmarse que hai unha situación na cal esa incapacidade física do ser humano pode ser superada. Ese é o mundo dos soños ou da imaxinación, pois, seguindo co exemplo anterior, a mente dun humano poderá recrear sen ningunha oposición un voo do suxeito en cuestión. Polo tanto, podemos afirmar que, a lo menos na nosa mente, somos quenes da acadar a plena liberdade? Sempre se poderá respostar novamente que non, pois a nosa mente tamén está limitada. Esa limitación vén marcada polos nosos coñecementos ou o noso contorno. Así, nunca poderemos soñar con cousas que non estean no noso contorno ou coñecemento. Un exemplo disto podería ser a posible existencia dunha cuarta dimensión. É posible a súa existencia, mais é imposible que imaxinemos como sería, pois está fóra dos nosos coñecementos e do noso contorno.
Así, ante unha mesma pregunta podemos atopar respostas completamente opostas. Uns opinarán que somos totalmente ceibes, namentres que outros dirán todo o contrario, negando a nosa liberdade incluso no mundo dos soños ou da nosa imaxinación.
Centrándonos na concepción da liberdade nas ideoloxías políticas, debemos comezar falando da Revolución Francesa e, por suposto, de tódalas ideas ilustradas que precederon a esta revolución. Os autores ilustrados comezaron a falar dun termo non valorado ata entón. Era a liberdade individual. Esta liberdade individual, no ámbito da política, daría lugar ao liberalismo e, no económico, ao capitalismo. Con esta liberdade individual comezaban a recoñecerse unha serie de dereitos que permitían o desenrolo de moitas facetas da liberdade humana. Moitos destes autores da Ilustración chegaron a afirmar que a liberdade dunha persoa só debía ter como límite a liberdade dos demais. Estas ideas foron claves para as posteriores ideoloxías, xa que unhas a defenderon, outras a rebatiron e outras tentaron profundizar aínda máis nesa liberdade.
Nun comezo debemos falar da política prerrevolucionaria e de como se entendía a liberdade nela. Sen dúbida, para facer unha análise profunda habería que diferenciar os tempos aos que nos referimos, pois non era o mesmo a liberdade do Antigo Exipto ca a da Europa de comezos do s. XVIII. Nembargantes, se nos remontamos a tempos moi antigos, sería moi dubidoso falar de ideoloxías políticas propiamente ditas.Así, quizáis sexa o máis adecuado centrarnos na Idade Moderna e no contexto europeo, aínda que a partires do s. XV xa se comezaron a coñecer e explorar territorios moi lonxanos ao Antigo Continente e o seu contorno. Así, referíndonos á Vella Europa da Idade Moderna, sempre falaremos de posturas que non valoraron en absoluto a liberdade individual das persoas. Un claro exemplo é o do tradicionalismo, moi habitual en moitos paises. Caracterizouse por primar a idea colectiva no canto da individual, o que fixo mermar sensiblemente a liberdade dos suxeitos. Mais o que, sen dúbida, fixo que esa liberdade fose case inexistente foi a pouca mobilidade social e a suxección dos individuos aos estamentos, tales como os gremios, o terceiro estado... O feito de pertencer a un estamento limitaba a actuación da persoa, e, como apenas había mobilidade social, esa liberdade víase aínda máis mermada. Esta é a visión xeral dos derradeiros anos do Antigo Réxime. Non foi a situación xeral ata entón, pois, por exemplo, no estado natureza, había máis liberdade incluso que trala Revolución Francesa. Nembargantes, nas ideoloxías como tales non se pode afirmar que a liberdade individual fose defendida ata o s. XVIII, polo que, como resumo, podemos dicir que ata o Século das Luces a tónica xeral das diferentes ideoloxías foi a negación da liberdade dos homes.
Como xa foi mencionado, ese Século das Luces deu paso a novas ideoloxías. Na Revolución Francesa saiu como vencedora a corrente do liberalismo, que co paso do tempo evolucionaría cara a democracia. Ambas tiveron dende o seu nacemento un sistema económico capitalista que, aínda que concedeu moitas liberdades no plano económico, fixo que moitas outras desaparecesen no plano social. Sen dúbida algunha, é innegable que o liberalismo supuxo un aumento das liberdades formais con respecto ao Antigo Réxime. Así, promulgáronse numerosos dereitos individuais ata entón descoñecidos, como o dereito ao voto. Este foi un dereito importantísimo na conformación da liberdade humana, xa que grazas a el os individuos puideron decidir os representantes que os debían gobernar e, polo tanto, o rumbo dese goberno. Nembargantes, en moitos paises liberais ese dereito non chegou a tódolos cidadáns ata ben entrado o s. XX co sufraxio universal. Polo tanto, ata entón só unha parte da cidadanía tiña ese dereito ao voto que daba un plus de liberdade aos que o posuían. Aínda así, no plano económico, pese a que se liberalizou o mercado, produciuse unha forte merma de liberdades. Así, os traballadores deixaron de depender dos gremios, o que nun primeiro momento semellaba aportarlles unha gran dose de liberdade. Mais non foi así, pois pasaron a depender dos empresarios, dos patróns. Esa dependencia foi incluso meirande ca en periodos anteriores e as diferencias agraváronse. Isto levou a peores condicións económicas e máis pobreza, polo que a liberdade diminuiu para os traballadores, pois con menos recursos de menos liberdade de actuación se poderá dispor. Ademais, ao teren poucos recursos económicos tampouco podían votar.
Coa chegada da democracia como hoxe a entendemos desapareceu o problema do voto, que pasa a ser universal, e naceron novos dereitos dos que os homes poden desfrutar. Nembargantes, o sistema capitalista segue minguando as liberdades individuais coma antano.
Como breve resumo desta breve análise do capitalismo, cómpre dicir que foi unha corrente nada para rematar coa falta de liberdade existente ata entón mais que incluso diminuiu a que tiñan amplos sectores da poboación.
O socialismo é a corrente ideolóxica máis difícil de analizar neste caso. Isto é así polas constantes mudanzas que sufriu ao longo da súa historia. Pese a que xa houbera correntes socialistas anteriores, quizáis deberiamos comezar a análise nas teses de Karl Marx. No referente á liberdade, podemos apreciar que Marx percorre o camiño contrario aos teóricos do capitalismo como Adam Smith. Así, para Marx debe construirse unha ditadura do proletariado na que toda a economía sería controlada polo estado, polo que desaparecería para os particulares a liberdade de mercado. A curto prazo isto semella unha clara diminución das liberdades das persoas, mais a longo prazo permite que se igualen tódalas clases sociais e uns non poidan oprimir aos outros. Como consecuencia disto, todos serán igual de ceibes no ámbito social, xa que non hai unha orixe económica diferenciadora (as diferencias económicas sempre acaban provocando diferencias sociais). Que o sistema socialista deseñado por Marx concedese maior ou menor liberdade xa só dependería dos dereitos sociais concedidos a tódolos habitantes do estado por igual. Nun principio poderían non ser exactamente idénticos para todos, pois pode que fose precisa unha ampliación dos dereitos da clase traballadora con respecto ao resto da sociedade para así poder solucionar as diferencias sociais creadas polo capitalismo. A loita polo internacionalismo por parte do marxismo é un punto máis desa loita pola igualdade entre os cidadáns, centrándose neste caso na igualdade entre cidadáns de diferentes estados. Un dereito que seguro nunca será concedido polo marxismo é o dereito ao voto, pois para acadar a sociedade comunista é, segundo Marx, preciso utilizar a forza e non as vías democráticas. Posteriormente, outros autores de corte socialista opinarían dun xeito diferente.
Cómpre matizar que non sería bon confundir o sistema deseñado por Marx cos intentos de aplicación do mesmo en diversos estados coma a Unión Soviética, Cuba ou moitos paises do surleste asiático. En moitos destes exemplos non se conseguiu chegar á igualdade entre cidadáns e moitos dereitos non foron concedidos, polo que o grao de liberdade seguiu a estar moi baixo. A forte represión diminuiu aínda máis esa liberdade en moitos casos.
Co paso dos anos, o socialismo foi trocando ata que a finais do s. XIX chegou a corrente revisionista das mans de Bernstein. Sobre esta corrente pouco hai que dicir, xa que os fins seguían a ser os mesmos que para Marx. A única diferencia é que para chegar a eses fins debía ser utilizada a vía democrática e non a revolucionaria. En base a isto, pódese interpretar que se lle daba máis liberdade aos cidadáns, pois poderían ser eles quenes decidisen se querían dar o paso cara a nova sociedade ou non. Mais tamén se pode interpretar ao contrario, pois a liberdade da minoría sería aplastada pola da maioría. Ese é e sempre será o eterno problema dos sistemas democráticos, sobre todo cando son aplicados en referendums como podería ser este.
En moitos casos, o socialismo adquiriu unha terceira forma a partires da segunda metade do s. XX: a socialdemocracia. Esta caracterízase pola renuncia á sociedade comunista antes nomeada, polo que a súa actividade se encadra dentro do mundo capitalista. Busca unha ampliación da liberdade dos cidadáns menos favorecidos e, polo tanto, menos ceibes. Polo tanto, o que busca é diminuir as diferencias sociais. Para aumentar esa liberdade dos máis desfavorecidos, a socialdemocracia pode tentar ampliar os dereitos ou tomar medidas que limiten a liberdade no ámbito económico dos sectores máis opresores, por exemplo.
A modo de pequeno resumo, dicir que o socialismo é unha ideoloxía que sacrifica a liberdade económica por completo ou en parte para acadar unha sociedade máis igualitaria e con maior liberdade no aspecto social.
Caso peculiar é o do anarquismo. Moitos foron os que o consideraron e o consideran coma un modo máis de socialismo, debido á súa defensa dos máis desfavorecidos e a súa loita por unha sociedade máis igualitaria. Nembargantes, atopamos a principal diferencia entre o anarquismo e as demais correntes socialistas na concepción da liberdade. Os fins son os mesmos, os de conseguir unha sociedade igualitaria e sen clases, mais a diferencia está nos medios. Namentres os outros socialismos defenden o uso do estado para rematar ou aminorar a desigualdade, ben sexa por vía democrática ou ditatorial, o anarquismo renega del. Así, debería desaparecer calquera forma de opresión que limitase a liberdade humana, sendo representada esa opresión por institucións diversas como o estado, a Igrexa... Nembargantes, se só se nos achegan estos datos, poderiamos pensar que esa liberdade que nun primeiro momento nos aportaría a desaparición das institucións sería falsa a posteriori pola opresión dos máis poderosos aos menos favorecidos no seo da sociedade, tal e como acontecía no liberalismo e na democracia. Para correxir este posterior recorte da liberdade, os anarquistas matizan que todo o mundo debería actuar conforme a unhas leis naturais de respeto ao próximo e coas que todos serían iguais. Así, aínda que habería unha certa limitación da “liberdade absoluta” polo feito de ter que cumprir unhas supostas normas naturais das relacións humanas, isto faría que a sociedade se igualase máis, e, polo tanto, como vimos antes, que os máis desfavorecidos puidesen acadar maiores cotas de liberdade ao non estaren oprimidos. Para garantir ese correcto funcionamento da sociedade, a corrente anarquista permite a existencia de asembleas de traballadores para regular as relacións laborais e evitar a explotación.
Cómpre matizar que esta corrente confía moito, quizáis en exceso, na bondade dos seres humanos no cumprimento das normas antes nomeadas, polo que moitas veces tendeu a ser denominada como utópica ou imposible de acadar. A esta fama tamén contribuiu o fracaso dos diversos proxectos anarquistas ao longo da historia.
Por outra banda, hai que falar do grao de liberdade que aporta o anarquismo. Moitas veces se ten afirmado que unha sociedade anarquista aportaría o máximo grao de liberdade posible para o ser humano. É certo que aportaría unha liberdade inacadable na sociedade actual, mais esta tamén se vería limitada polo feito de ter que actuar dentro dos límites das normas naturais antes nomeadas e dentro das barreiras físicas e do coñecemento (ámbalas dúas comentadas ao comezo deste ensaio). Así, pódese dicir que o anarquismo aporta graos de liberdade altísimos, mais esta liberdade non é absoluta.
O fascismo é a derradeira das ideoloxías aquí analizadas. Trátase dunha ideoloxía que acadou o seu cumio en paises europeos como Italia, Alemaña ou España durante o periodo comprendido entre as dúas guerras mundiais. Se tratasemos este tema con total rigor histórico, deberiamos dicir que o auténtico fascismo só foi o de Italia, mais tamén analizaremos o nazismo alemán e o franquismo de España polas súas similitudes co réxime dirixido por Mussolini.
Para falar das liberdades nestes réximes fascistas cómpre que voltemos facer referencia aos dereitos, pois a máis dereitos individuais máis liberdade vai haber en dispoñibilidade das persoas. Nembargantes, estes réximes descartaron o plano individual dos dereitos para que predominase por enriba del o plano nacional. Deste xeito, os que realmente posuían os dereitos eran os estados, e as persoas como tales poderían facer uso deles na medida en que estivesen ligadas ao estado. Isto implicaba, por exemplo, que os estranxeiros non fosen considerados individuos con dereitos propios dentro do estado fascista. En resumo, a persoa non posuía uns dereitos polo simple feito de ter nacido, como se supón que acontece nas democracias, senón que só posuía dereitos e, polo tanto, liberdades, se era da nación onde estaba a vivir. Caso diferente é o do nazismo, pois nel os dereitos non eran dados ás persoas dende a nación, senón que quen lle aportaba os dereitos era a raza, neste caso a aria. Así, non chegaba con ser alemán, senón que había que ser tamén de raza aria para poder ser posuidor de dereitos. Isto foi o que provocou, por exemplo, o exterminio de xudeus e xitanos, por moi alemáns que fosen.
Cómpre puntualizar que nestes tres réximes as liberdades estaban moi debilitadas, pois eran ditaduras nas que estaba establecida unha forte represión. A esta ausencia de liberdade axudaba o antes comentado sobre os posuidores dos dereitos, pois ao ser o titular dos mesmos o estado serán máis facilmente moldeables por parte dos dirixentes ca se fosen os suxeitos deles os individuos. Esta manipulación dos dereitos é aínda máis doada neste tipo de ditaduras, nas cales o poder xudicial é totalmente corrupto e manexado polo goberno. Polo tanto, voltar dicir que os fascismos limitan moito as liberdades por seren férreas ditaduras, por haber moita represión e polo feito de que o suxeito dos dereitos é a nación e non a persoa.
Como conclusión final deste ensaio, podemos voltar repetir que a liberdade pode ser vista dende dúas perspectivas. A primeira é a optimista, que nos diría que somos ceibes en toda situación porque a curto prazo nada nos impide facer o que queiramos. A pesimista afirmaría que o home non é un ser ceibe, xa que non pode facer o que quere por limitacións físicas, de coñecemento e incluso temporais. Dende unha perspectiva máis práctica, podemos dicir que os diversos réximes políticos poden permitir máis ou menos liberdade, dependendo esta en moitas ocasións dos dereitos recoñecidos. Nembargantes, algunhas liberdades, como a económica, pode reducir en moitos casos a esencia do home ceibe, pois crea unha dinámica social na que predomina a opresión.

domingo, agosto 27, 2006

A mocidade galega a comezos do 2006.

O informe apresentado pola Fundaçom Santa Maria no passado 4 de Abril em Madrid oferece dados de interesse para as pessoas envolvidas na causa da Galiza. Em um dado que confirma a tendência recolhida em anteriores estudos estatísticos –e todos eles elaborados polo espanholismo-, confirma-se mais umha vez a tendência à alta ou ao mantimento da consciência nacional galega entre a nossa mocidade. Segundo o informe “Jovens Espanhóis 2005”, mais de 41% d@s moç@s enquisad@s sentem-se mais galeg@s do que espanhóis ou espanholas, percentagem só superado por países como País Basco, Canárias ou Astúrias.

Na informaçom desglossada pola entidade espanhola, tam só um 16% da mocidade do nosso país confirma sentir-se ‘prioritariamente espanhola’, enquanto um considerável 40% dá a mesma importáncia à identidade galega que a espanhola. De resto, as estatísticas achegam dados relevantes para o conhecimento das tendências sociais vigorantes. Face a realidade captada pola mesma fundaçom em 1994, detecta-se um progressivo corrimento das prioridades juvenis cara aspectos mais relacionados com a vida íntima e pessoal face aqueles vinculados ao sucesso profissional. Assi, ganham peso as noçons de ‘lezer e tempo livre’, ‘família e amigos’ e ‘vida sexual’. Ainda, mantenhem-se num posto de grande preeminência aspectos como o trabalho ou o desejo de ‘ganhar dinheiro’. Face 1994, e segundo o inquérito que analisamos, o chamado ‘terrorismo’ ascende a primeiro nas consideraçons das e dos jovens, adiantando o desemprego ou a vivenda.


É de especial interesse a auto-valorizaçom que a mocidade fai sobre si mesma, longe dos habituais juízos moralistas aos que os submetem outros sectores sociais. Assi, em consoáncia com o lugar marginal que ocupam aspectos como a ‘moralidade’ ou a ‘política’ nas preocupaçons da juventude, as e os próprios jovens definem-se como ‘imediatistas’, ‘egoístas’ e totalmente dependentes do consumo. A prolongaçom da dependência familiar, a temporalidade laboral ou o refúgio na vida privada ante os problemas colectivos som reconhecidos como atitudes habituais da mocidade galega e do conjunto do Estado espanhol.